Tipoloxía Comparada

Tipoloxía Comparada

(celas masculinas, planta 1)

 

Neste bloque preséntanse as morfoloxías máis comúns de pezas e compáranse segundo centros produtores. Os paneis explican as características morfolóxicas e usos destas pezas

 

Olas e asados

A súa principal función era o transporte e almacenaxe da auga, con todo, ao ser unha forma tan común chegaron a empregarse practicamente para gardar todo tipo de produtos coma o viño, vinagre, mel, pingo e incluso usáronse para mazar o leite. En Gundivós tamén se fixeron “Olas da medida” e “cántaros da medida” tarados interiormente para medir o viño.

 

Potes, potas e cazolas

O cambio da lareira á cociña de ferro afectou á forma destes recipientes. En Bonxe a evolución vai de potas con pés e rabo, con pés e asas, potes con pés, cazolas con pés e asas pegadas, cazolas de cu ancho a cazolos para graxa. En Mondoñedo había potas con dúas asas de distintas capacidades, potas almorceiras, potes do caldo e cazos e tarteiras xa de introdución recente. En Samos fixéronse dúas variantes de potas, unhas con asas atravesadas e asas verticais. En Gundivós fixéronse cazolas altas, baixas e algunha con pés.

 

Barreños e barreñas

Os barreños empregábanse especialmente para as labores de matanza, para a zorza, etc. Unha variante de barreños son os “barreños da colada” con picho de desaugue, que se usaban para lavar a roupa. As barreñas usábanse nas casas nas labores de lavado na cociña e para preparar diferentes alimentos, ou incluso na matanza para recoller o sangue dos porcos. Estes recipientes producíanse nos catro centros oleiros, a excepción dos “barreños da colada” que tan só se fixeron en Bonxe e Gundivós.

 

Xarras e xarros

En Mondoñedo fixéronse xarros tan só para a agua e para o leite, o viño sempre se servía nas xarras. Segundo un dito popular “cada cousa é para o que é”. En Bonxe fixéronse xarras de bocas estreita, de cana (con pescozo longo e picho longo), pichetas (con biquela moi pronunciada) e xarros (de menor volume que as xarras). En Samos fixéronse xarros moi semellantes aos pucheiros reflexados no dito popular “xarros e pucheiros todo é un” e tamén xarras para auga e paro o viño. En Gundivós fanse xarros para o viño e tamén se fixo outra variante sen asa para os taberneiros que tamén se empregaron para o viño.

 

Ámboas

Xeralmente empregábase para gardar o viño, conservar alimentos como pementos en vinagre e para meter nelas millo e cereais. Teñen tamaños, formas e decoración moi variadas, algunha delas, de encargo, fermosamente decorada. Pezas semellantes as ámboas coa boca máis ancha tamén se fixeron en Gundivós para traballar a masa para facer os foguetes.

 

Nateiras

 Existían nateiras nos catro centros produtores mais non en todos tiñan unha forma propia. Así en Samos, como nateiras empregábanse directamente olas para esta función (“olas de mazar o leite”), e no centro de Gundivós empregaban pucheiros ademais de olas.

 

Porróns e barrís

Estas formas foron substituíndo á xarras para levar a auga ao campo. En Bonxe tamén se fixeron botixos planos e de rosca profusamente decorados que se facía uso deles os días de festa.

Os barrís son recipientes de formas moi variadas empregados para a almacenaxe de líquidos. Poden ter asas superiores ao lado da boca e poden ter barrigas globulares ou lixeiramente aplanadas. Os barrís producíanse exclusivamente en Samos.

 

Chocolateiras

Empregábanse para facer o chocolate, este como era un produto de luxo, consumíase ocasionalmente por enfermos ou lactantes polo que o tamaño dos recipientes non soe ser grande. En Samos non temos constancia de que se produciran chocolateiras e en Gundivós as chocolateiras tiñan formas similares aos pucheiros pero coa boca algo máis estreita e cun mango en lugar de asa. En Bonxe tamén se facían as chocolateiras do mel cunha asa e sen pés que se empregan para poñer o mel na mesa e tamén para levalo a feira a vender.

 

Pucheiros e pucheiras

Hai moitas variantes de pucheiros e pucheiras. En Bonxe, unha variedade de pucheiros pequenos son coñedidos como “gorretes”. Son formas relacionadas directamente cos produtos usados na cociña, en especial utilizados para conservar o leite pero tamén graxa, chourizos, mel, etc. Algunhas pucheiras incluso se utilizaban para ir a muxir e para levar a comida a xente que estaba traballando no monte que era repartida para comer en cuncas.

 

Fontes, asadores e tarteiras

O termo fontes pode quizais reservarse para aquelas pezas coas que se servía a comida nas mesas, nestes casos soen presentar algún tipo de decoración.

Os asadores, ou fontes-asadores son recipientes que ían ao lume e aos fornos e nos que se asaban alimentos coma diferentes carnes. Dalgún modo, foron substituíndo ás cazolas. Podemos destacar que en Samos non se coñecen recipientes definidos como asadores mentres que en Mondoñedo aparecen uns recipientes denominados tarteiras con formas moi similares aos asadores e a algunhas cazolas.

 

Cuncas, pratos e cazoliñas-potiñas

As cuncas usábanse para servir o caldo e o seu uso é precursor dos pratos.

As cazoliñas e potiñas, son formas similares ás cazolas e as potas pero de menor tamaño. A súa función sempre é a de quentar a comida e servila para comela de forma individual.

En Mondoñedo existián dúas pezas antigas moi semellantes, a cazoliña cun reborde ou urilla alargada e o cubilete co reborde redondeado. Tamén tiñan a potiña almorceira.

En Bonxe tamén se fixeron os pratos do polbo en distintos tamaños para comer o polbo nas feiras.

 

 

 

Un dos esforzos expositivos e de divulgación científica sobre a olaría tradicional luguesa máis relevantes desde os estudos de Luciano García Alén