Procesos de uso e vida

Procesos de uso e vida

(celas femininas, planta 2)

No último bloque relátanse a través de diferentes celas, como foi a supervivencia e adaptación dos centros produtores co paso do tempo, tamén se relatan outras facetas como a arqueolóxica, tratando de indagar nos inicios da tradición e faise unha homenaxe a Luciano García Alén, o principal estudoso da cerámica do Noroeste Peninsular que culmina ca publicación da súa obra “Alfarería de Galicia” en 1983

 

 

Arqueoloxía

Hai 2000 anos, a cidade de Lugo era o maior centro produtor cerámico de todo o Imperio Romano, a olería lucense chegaba a lugares tan afastados como Toledo. A cidade era un fervedoiro de carros cargados de barro, leña e pezas cerámicas, de boa calidade e económicas.

As diferentes escavacións arqueolóxicas executadas en Lucus Augusti puxeron de manifesto a existencia de máis de 40 fornos romanos que aproveitaban unha veta de boa arxila sobre a que se asenta boa parte da cidade actual. Na rúa San Froilán chegouse a atopar unha roda de oleiro romano e parte do instrumental para confeccionar as pezas.

Posteriormente, na Idade Media, outros centros produtores de menor escala herdarían o papel de fornecedores dos imprescindibles recipientes cerámicos. Polo momento o único coñecido é o centro produtor de Samos, xa que en recentes escavacións na capela do Ciprés puidéronse constatar pezas, realizadas en Samos en torno aos séculos XI-XII.

 

Investigación en cerámica

Diferentes autores escribiron sobre o oficio do oleiro. Conscientes deste patrimonio saído da barreira, os compoñentes do grupo Nós e os membros do Seminario de Estudos Galegos (1923) puxeron o barro sobre o torno. Outros estudosos e eruditos locais, coleccionistas privados, historiadores, antropólogos e arqueólogos ocuparon as páxinas dos seus traballos cos distintos centros oleiros da Galiza. Dende a segunda metade do século XX, tamén diferentes mostras temporais, exposicións permanentes en museos, restauracións e postas en valor de vellos obradoiros ou fornos así como feiras de artesanía ao longo do país permitiron coñecer os últimos centros activos, recoñecer as parroquias oleiras desaparecidas e poñer en valor ou catalogar pezas con formas en perigo de extinción. A olería galega reflectía parte dun coñecemento secular endexamais escrito ata os nosos días e herdado de xeración en xeración entre homes e mulleres. A obra do médico pontevedrés Luciano García Alén, La Alfarería de Galicia (1983) supuxo un dos primeiros aportes ao estudo e posta en valor desta arte. Dende a óptica dun coleccionista e compilador meticuloso, mostrou a súa preocupación por contextualizar a olaría galega e perfilar as súas áreas de produción e distribución. Aos primeiros escritos sumáronse así os aportes do asociacionismo local a través de obras menores (artigos en revistas, columnas en xornais, etc.); as achegas institucionais do goberno galego, das deputacións provinciais, dos concellos ou de museos encargados do estudo e publicación de folletos, propaganda, libros, cadernos didácticos ou outras obras de divulgación. Dende a Universidade de Santiago de Compostela  os estudos académicos comezaron desde hai uns anos a analizar aspectos noutrora desatendidos como podían ser, dende o punto de vista arqueométrico, arqueolóxico, as materiais primas e o seu tratamento ou, dende a antropoloxía, os procesos socioeconómicos e culturais.

Texto: Anxo Rodríguez Lemos

 

Arqueometría

A arqueometría é a disciplina científica que trata de achegar información composicional e contextual en obxectos arqueolóxicos e museísticos. No caso concreto da cerámica, a través do uso de técnicas físico-químicas de análise pode chegar a caracterizarse con que tipo de barros foron creadas as pezas, a que temperatura se coceron ou de que época son. Poden caracterizarse igualmente os vidrados, as decoracións e os restos que poidan conter as mesmas vasixas.

Na Galiza, este tipo de análises levan realizándose desde anos pola Universidade de Santiago de Compostela (Facultade de Historia e Unidade de Arqueometría e de Caracterización de Materiais, USC) en restos cerámicos que se escavan en xacementos arqueolóxicos, se ben, desde un tempo tamén se están a aplicar estas técnicas a cerámicas contemporáneas dos centros produtores tradicionais galegos.

Próximas investigacións arqueométricas permitirán caracterizar en máis profundidade as pezas de cerámica tradicional destes centros oleiros a través de técnicas como a difracción de raios X, fluorescencia de raios X, petrografía microscópica, microscopía electrónica de barrido, tomografía de raios X, etc.

 

 

Homenaxe a Luciano García Alén

A relación de Luciano García Alén ca olería de Galicia comezou de modo casual. Unha mañá de inverno nos inicios dos anos 60, un paseo pola feira de Carballo levoulle ao muro da louza, onde varias mulleres e algún home poñían a venda o traballo dos obradoiros familiares de Buño.

Coa axuda imprescindible da súa muller e do seu irmán Alfredo, este, con formación de arqueólogo, mestre e avogado e a colaboración de Xosé Manuel Vilasó na recollida de documentación gráfica, iniciouse un traballo de investigación, no que eran conscientes de que traballaban sen tempo que perder. A chegada do plástico e as innovacións tecnolóxicas acabaran coa funcionalidade o barro e a consecuente crisis e peche da maioría de centros oleiros de Galicia.

Luciano, pola súa profesión de médico e cunhas dotes humanas sobresalientes para o achegamento á xente, tivo acceso a información de toda Galicia, o que contribuíu a transformar unha investigación etnográfica nunha amizade cos oleiros e a súas familias que durou e dura toda a vida.

Texto:  María García-Alén García

Agradecemento especial a: María García Ayaso, co-impulsora do entusiamo investigador da cerámica tradicional galega

 

A supervivencia

O triunfo da globalización e a instauración dun modelo de produción capitalista, así como a mellora das comunicacións entre os séculos XIX e XX e a falta de relevo xeracional foron acantoando aos centro produtores de toda Galicia.

A grande produción do centro oleiro leonés Jiménez de Jamuz inundou os mercados galegos, grazas á súa estratéxica situación a carón da estación de tren da Bañeza, desprazando así do consumo ás pezas galegas. A mellora xeral das comunicacións e a industrialización favorecerían que polos portos chegasen pezas de centros situados a centos de km de distancia. Os novos materiais de calidade e baratos, como a porcelana, o vidro ou os metais para as potas, colaborarían neste proceso que coa chegada dos vehículos de motor e a paulatina perda das feiras tradicionais, non faría máis que acelerarse.

 

A adaptación

Os últimos tempos destes obradoiros lucenses foron os máis complicados da súa historia, as ventas reducíanse e os oleiros ían desaparecendo sen novas xeracións que ocuparan o seu lugar, salvo honrosas excepcións. Como a competencia cos produtos industrializados e doutros materiais era imposible, os produtores foron adaptándose aos tempos con novos formatos pasando dunha olería estritamente funcional a tentar incorporar os usos decorativos ao seu repertorio, como sucedería cos bonecos de Bonxe.

Pero o valor cultural e simbólico da olaría non desaparecería, moitas persoas encargarían para os seus casamentos e festas pezas de olaría feito ex profeso para tales fins, como o prato de Mondoñedo da primeira festa apícola.

Os novos usos simbólicos da cultura galega na segunda metade do século XX serían tamén aproveitados para subsistir polos últimos centros oleiros, salvando en moitos casos a venda de cacharros da queimada a moitos produtores galegos do peche.

 

Pezas por encargo

A olaría sempre foi unha actividade que se ía adaptando ás modas, ás novas necesidades ou ás diferentes actividades para as que se facían pezas. Pero tal vez sexa nos seus últimos momentos de existencia, en época contemporánea, cando esta adaptabilidade foi maior realizándose singulares pezas por encargo, adaptadas aos gustos e necesidades do cliente e saíndose dos tipos marcados pola tradición. Como exemplos temos as xerras de cana de Bonxe ou a característica xerra “avó” de Gundivós.