Historias do barro
Nesta sección, iremos contando pequenas historias relacionadas co mundo da olaría luguesa escritas por Orlando Viveiro Veiga. Estate atento!
“Gramando encol das barrigas”
Era a maña utilizada pola xente de Bonxe para colocar as pezas no forno das olas. De tal modo e maneira facía Manuel do Poteiro, músico e cacharreiro, quen comenzara darlle á róda cando tiña quince anos e traballara no oficio parte da súa cumprida existencia. Pasada a festa do “Sanamede” arrincaban o barro, durante os días enxoitos da canícula, e vendían polas feiras da comarca. Os recordos saían da súa boca mentres nós gozabamos os tesouros das historias.
“Dous fornos en Roxofrei”
Neste pequeno lugar de Santa María de Loureiro atopamos dous dos fornos, entre a escasa media ducia que se conserva. O Señor Pedro de Lulle posuíra vivenda, hoxe arruinada, situada fronte do primeiro deles, onde cocían as pezas que ía vender ás feiras de Castroncán e da Ponte de Lóuzara. Do segundo unicamente sabemos os nomes polos cales resulta coñecido: o forno de Xulián ou do Tío Ramón. Testemuñas ambos que conservan a historia dos louceiros de Samos.
“Un peto que conta historias”
No museo etnográfico “Parladoiro” (Matela- Outeiro de Rei), podemos ver un fermoso peto feito por un mestre cacharreiro da escola mindoniense. Na base da peza aparece riscada a seguinte lenda: D. FREIRE / MONDOÑEDO. O cacharro resulta autoría de Tito Freire (Delfín Freire Díaz), afamado artesán que xunto con seu irmán Pascual Freire (Vendaval o Novo) traballaron no obradoiro de seu pai: Xosé Ramón Freire (Vendaval o Vello), recoñecido cacharreiro e grande amigo do escritor Álvaro Cunqueiro.
“A mestra de Campoverde”
Falarmos do barro en Gundivós trae á memoria de nós os nomes míticos das persoas que realizaron as fermosas pezas que hoxe vemos e gozamos sorprendidos por tanta beleza. Unha muller voltara da emigración para retomar este oficio. Recolleu con valentía a testemuña dos vellos artesáns e foi quen de conservar ao longo dos anos a tradición e as antigas formas. O seu nome figura agora con méritos propios no máis alto do listado: Obdulia de Campoverde.
“Na tribo de Manuel María”
O poeta chairego visitara, cando era neno, os obradoiros de seus veciños os irmáns Francisco e Manuel do Cantón e do Señor Xan de Cápete. Estes oleiros deixaban argallar na róda, e agasallaban con algunha taciña, ó cativo da Casa de Hortas.
Manuel María estaba orgulloso de ser dunha terra de cacharreiros, coñecía e trataba a moitos deles. En ocasións tivera acompañado a súa nai até Bonxe onde mercaban pezas elaboradas no obradoiro do señor Manuel do María. [Extracto retrato: Xabier Pousa].
“O Parente de Xoán Montes”
Un dos últimos cacharreiros de Samos fora o señor Manuel María da Casa de Capón quen posuíra obradoiro e forno no enclave de Lamartín, freguesía de Sta. María de Loureiro. Este artesán era familia do coñecido músico Xoán Montes Capón, autor dun importante número de composicións onde musicara poemas de autoras e autores relevantes. Entre elas: “Negra Sombra” , de Rosalía de Castro, e “Unha noite na eira do trigo” de Curros Enríquez.
“Os cacharros de Cunqueiro”
Conta o escritor mindoniense Xe Freire, fillo do artesán Tito Freire, como D. Álvaro posuía unha especial querencia pola arte dos cacharreiros até o punto de que consideraba o oficio moi achegado á divindade. Tamén apunta que Cunqueiro se laiaba de non ser quen, a pesar do patronímico, de posuír a habelencia necesaria para facer chegar ó forno algunha das pezas que tentara realizar, no obradoiro de Vendaval o Vello, as cales saían torcidas e todas esburacadas.
“O encanto da Pena da Moura”
Mentres andaba por Gundivós, recollendo historias para o seu fermoso libro “Viaxe ás terras encantadas de Lemos” (A Nosa Terra / 1999), o escritor Lois Diéguez, tivera ocasión de visitar o obradoiro de Agapito González. Xunto deste coñecido cacharreiro mercara un escurrecubas, tamén coñecido polo nome de barcal, e recollera información sobre a chamada Pena da Moura: un penedo humanizado situado nun outeiro preto da ponte que permite cruzar o regato de Mourentán, camiño de Campoverde.
“Este vaise i aquel vaise..”
A lacra da emigración significa unha sangría para Galiza. Tamén afectou ó gremio dos artesáns cacharreiros. No caso de Mondoñedo, marcharan dous dos máis insignes: Pascual Freire e Paquito de Benino de Xan Flores. O primeiro marchara a Uruguai en 1957, onde exercera maxisterio na Escola de Bellas Artes de Montevideo. O outro, Francisco Flores, “o mellor de cantos había no seu tempo en Mondoñedo” segundo o cronista Lence-Santar, emigrara á Arxentina alá polo ano 1909.
“Un documental de Gundivós”
Na canle de youtube figura editado un interesante traballo sobre os cacharreiros de Gundivós onde aparecen os mestres artesáns Agapito González, realizando unha peza no torno, e Alonso Díaz, enfornando e cocendo os cacharros. Tamén pode ollarse o proceso de afumado e mesmo o baño interior, a base de pez derretido.
O vídeo, que presenta unha notable calidade técnica, foi realizado en 1997 baixo dirección de Antonio Cid e Beatriz del Monte, sobre un guión de Pablo Quintana.
“Unha data e un nome”
Interesante e moi valiosa a información que figura na inscrición que se pode ler nunha ámboa elaborada nos obradoiros de Samos:
“mayo veinte y trés del ochenta y uno me feçes Pedro Caldero en su casa y ofiçio”
Non abonda para asegurarmos o século, con probabilidade o XVIII, mais é sabido que o apelido Caldeiro resulta propio de Lourido Grande (Santiago de Renche ) e que nese mesmo enclave existe unha vivenda nomeada a Casa do Oleiro.
“Casa conmigo Rosiña…”
A música fora unha actividade na cal estaban mergullados boa parte dos cacharreiros de Bonxe. A creación dunha banda popular, por fin do século XIX, implicara a case todos os veciños desta freguesía. O cantar monótono, producido polos eixos dos carros acurutados de barro, arrincado nas barreiras de San Lourenzo, enchía os seráns dos calorosos días do verán chairego. Estes sons, semellantes ás melodías das zanfonas, seguramente foran os que espertaron a vocación musical dos cacharreiros de Bonxe.
“Santuario de Augas Santas”
Este lugar de Pantón é onde acontecía anualmente unha concorrida romaría, polo mes de setembro, na honra de Nosa Señora. De tal evento dá noticia o párroco Ramón Castro López, no libro “Reseña Histórico Descriptiva de la parroquia de Vilar de Ortelle y su Comarca (Monforte / 1929). Tamén relata que ese día nas proximidades do santuario: “os cacharreiros de Gundivós poñían á venda todo tipo de utensilios, chegando a subir de corenta os carros de cacharros que se venden neste mercado”.
“Os mercados dos louceiros”
Unha das feiras a onde marchaban os cacharreiros Samonenses, coas pezas fabricadas nos seus obradoiros, era a celebrada o día catro de cada mes en Castroncán. Na propia vila de Samos había tamén feira e posuíran nota outros dous enclaves nos cales era coñecida a presenza destes artesáns: a Ponte de Lóuzara e Asfarrapa. Esta última situada na freguesía de Santiago de Cedrón, á sombra do maxestoso pico da Meda, por onde baixa o camiño real que marcha en dirección á cidade de Lugo.
“Camiño de Castroverde”
Marchabamos a véspera de Bonxe, contaba o cacharreiro Indalecio Lombao, coa recua de bestas cargadas cada unha con dous fardos. Íamos pola Aveladoira, Rozas, Duancos e Orizón ata a Meda, onde faciamos noite. Erguiamos antes de amencer e marchabamos por Vilafrío, Serés e Bolaño ata á feira de Castroverde. As pezas sobras, mercábanas unhas tratantas para revender polas terras do Cádavo. A volta era dunha tirada, apuntaba, e viñamos chegando á casa en pasada a media noite.
“As San Lucas”
As feiras mindonienses, celebradas no mes de outubro, posúen grande sona en toda Galiza. Famosas foran particularmente as de gando cabalar, tal como relata Manuel María no libro “Viaxes e Vagancias de M. P.”. O escritor e poeta chairego afirma que: nas San Lucas podíase mercar de todo canto hai no mundo. Deste modo e maneira houbera así mesmo un importante mercado de cacharros onde ofertaban seus produtos os artesáns cazoleiros que fabricaban nos diversos obradoiros repartidos pola cidade.
“Lulle afumega de novo”
Fora contra mediados do século pasado cando os fornos dos cacharreiros de Samos apagaran a súa chama e con eles esmorecera un oficio practicado por moitas xeracións de artesáns. A limpeza en 2017 do Forno de Lulle (Roxofrei), amosara unha parte da historia do concello samonense que andaba a piques de esquecerse definitivamente. Os cocedoiros realizados pola xente da asociación “Canaveira” significan unha chamada á sociedade para conservarmos este relevante patrimonio cultural. Non deixemos que se perda!!.
“Un presente de esperanza”
Significativo foi o número de persoas que nos achegamos até Bonxe, onde se efectuou un cocedoiro de cacharros no forno das olas de Pepa do Indalecio. Emotivo recoñecemento realizado á muller que conserva os saberes dun oficio practicado antano por case todas as xentes desta parroquia chairega. Esperanzado homenaxe agardando novas incorporacións precisas para manter e transmitir esta arte que nos permita continuar gozando de fermosas formas que xurden entre as mans das mestras cacharreiras.
“Ensoñares”
“Íntima, inmóbil, silenciosa Mondoñedo,
pálida camelia un pouco triste…”
Asi cantara o escritor e poeta chairego Manuel María a beleza da cidade mindoniense, onde o tempo semella enrodelar ás persoas viaxeiras nun soño de nostalxia. Os sons da auga no barrio dos Muíños achegan recordos de mestres cacharreiros, que posuíran obradoiros neste enclave, mentres a Ponte do Pasatempo e a Fonte Vella escoitan ensimismadas as badaladas da Paula que resoan acompasadas por entre as rúas sombrizas e misteriosas.
“Alma de barro”
Deste modo reza o título, inspirado no traballo dos cacharreiros, dun libro publicado pola escritora Moncha Prieto orixinaria da freguesía de Gundivós.
Na obra apuntada figuran relatos referidos aos mundos que a propia autora foi construíndo a partir das múltiples vivencias recollidas nun exhaustivo traballo de investigación.
Historias para gozarmos do mesmo modo e maneira ca podemos facer nun cocedoiro que terá lugar na “Reitoral” o sábado (11 de maio) onde porán o ramo “As Cegas de Ouselle” con seu fermoso repertorio musical.
Orlando Viveiro Veiga
Cartel QR descargable da Exposición de Cerámica
Espazo WEB cedido (co-financiación) pola Área de Infraestruturas de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela