Pezas Especiais

Pezas Especiais

(celas masculinas, planta 2)

 

Neste bloque preséntanse pezas de feitura máis ocasional organizadas principalmente por usos, pezas para a auga, pezas para conservar, pezas para o viño e os alcois, pezas para construír, etc.

 

Pensade porque eran, e son, especiais estas pezas…

Quizáis son memoria esquecida do cotiá?...

Quén pensaba que había cazos de barro, ou comedeiros de animais. ou sacaleites, ou cálices, ou patenas…

Quén pensaba…. e así era…

 

 

Para cociñar e servir

En Mondoñedo: potas de catro asas (para cociñar na lareira), cazos con mango (moi antigos e parecidos aos actuais cazos de metal), aceiteiras, azucreiros ou asentos, estes últimos para asentar as viradeiras.

En Bonxe: sopeiras (cazolas finamente decoradas), fonte das mallas (para servir a comida cando se facía a malla).

En Gundivós: buleiros (pezas que se empregaban na lareira para facer a torta de millo, con forma de casquete esférico e dotados dunha circunferencia de vincos que facilitaban que as brasas se mantivesen na superficie da peza.

 

 

Algúns utensilios de cociña

Cacheleiros en Bonxe e Mondoñedo foron empregados para escorrer os cachelos.

Funís de Mondoñedo e Samos axudaban a verter os líquidos.

Queixeiras de Mondoñedo e Bonxe, con formas cilíndricas e cónicas, estas últimas destinadas á elaboración dos queixos de San Simón.

Tapas, de formas moi variadas, necesarias para manter quentes os alimentos e afastados dos bichos.

Viradeiras, para darlle a volta ás tortas e tortillas.

 

Recipientes para alimentos

Meleiras de diferentes tipos tiñan a función de gardar o mel, con formas singulares, en especial as de Samos.

Nateiras que contiñan a nata para bater.

Potas e cazolas, recipientes de formas e funcións variadas, que amais de servir para cociñar empregábanse para gardar a graxa, os chourizos e outros produtos.

 

Para a auga

Son as olas os recipientes estrela que se usaban para o transporte e almacenamento da auga, porén non son as únicas formas empregadas. Varían segundo o centro oleiro e a época.

Cántaros e asados son variacións das olas, os primeiros con cordóns, que serven de reforzo, os segundos con asas, que axudan no transporte.

Producíanse tamén pezas ben decoradas como porróns de rosca e sellas, estas semellantes ás clásicas de madeira e metal.

 

Viño e derivados do viño

En áreas onde se produce viño abundan as pezas cerámicas dedicadas a gardar o viño e os seus derivados. É o caso de Gundivós, onde amais de ámboas que facían a función dos actuais toneis de madeira, utilizaban escurrebubas para recuperar o viño que caía dos pichos destas. Nas “olas do vinagre” conservaban este derivado fermentado do viño, e  “Garrafas do viño” eran tamén frecuentes.

As  “garrafas do augardente” chegaron a producirse nos diferentes centros oleiros.

 

Ámboas de almacenaxe

Ás ámboas tiñan principalmente a función de conservar o viño, pero non era esta a única función. Outras variantes, sen picho e ca boca máis ancha empregábanse para almacenar o grao e outro tipo de produtos do campo. Como recipientes grandes e estables que eran, usábanse como grandes envases.

 

Para facer a colada

Os barreños da colada son un tipo especial de barreños, de grandes dimensións, ata máis de medio metro de diámetro, e provistos dun picho de desaugadoiro. Tiñan a función das actuais pías. Este tipo de barreños producíanse tan só en Bonxe e Gundivós.

 

Pequenas pezas singulares

Elaborábanse candís e candeeiros para a iluminación da casa, petos para aforrar moeda a moeda, floreiros para decorar e ata outras pezas de produción máis ocasional coma as penzoeiras en Bonxe, con uso para sacar o leite en mulleres lactantes, ou algúns cálices para a igrexa e incluso buxinas que imitaban ás de metal cun uso restrinxido para a época do entroido.

 

Pezas de hixiene e relacionadas con animais

Hai pezas cerámicas con usos moi particulares e que non son frecuentes de atopar, máis tíñase necesidade delas, ben como ouriñais para agochar debaixo das camas e non ter que ir á corte como outro tipo de obxectos como os bebedeiros de animais, con formas de cúpula invertida e cun prato debaixo que servían para dar de beber aos pitos, ou comedeiros, destinados tamén para a alimentación dos animais. E sen esquecer aos nidais de pombas, que eran estruturas case cilíndricas que se colocaban apiadas formando estruturas de aniñamento.

 

Para as construcións

En Samos e Gundivós chegaron a construírse canos de augas para as conducións, pezas que son moi antigas. Algún destes aínda se conservan no mosteiro de Samos.

Tellas tamén chegaron a empregarse, incluso, “tellas da alma”, unha tella con buratos, que se colocaba no tellado, ca función de que cando alguén morría puidera saír a súa alma cara o máis aló. Apareceron restos de tella no lugar coñecido como o forno das tellas do Mosteiro, na parroquia de Lourido (Samos).

En menor produción facíanse ladrillos, cos que se revestían os propios fornos de cocer cerámica e tamén chegaron a construírse fornos de pan con eles.

 

Marcas: Oleiros/as e Propietarios/as

Atopamos marcas de oleiro en pezas de Samos, Bonxe e Gundivós como en bonecos, petos, garrafas, xarras, barreñons e olas, sendo máis frecuentes en Samos e Gundivós, en Mondoñedo eran infrecuentes e, en Bonxe, ata a época actual era raro atopalas. As marcas que fan referencia ao propietario encóntranse en pezas dos catro centros oleiros coma pratos do polbo, xarras, cántaros ou sellas, e amosan unha gran variedade de formas.