Exposición 2024 no Museo de Historia Natural: Minerais. Ver o Invisible. De Haüy á ermeloíta

Exposición 2024 no Museo de Historia Natural: Minerais. Ver o Invisible. De Haüy á ermeloíta

 

2ª EDICIÓN (Museo de Historia Natural, 2024-2025) da exposición:

 

 

Inaugurada o 26 de Marzo de 2024

Nesta nova mostra exporase no Museo de Historia Natural (MHN) da Universidade de Santiago de Compostela durante todo os anos 2024 e 2025 unha escolma da 1ª edición da exposición de Minerais que tivo lugar no Colexio de Fonseca da USC (Zona Vella, Santiago de Compostela) no verán de 2023. Esta nova mostra intégrase no marco da Iniciativa TERRAUS 2022-2026, Divulgación Científica en Ciencias da Terra da USC, organizada pola Área de Infraestruturas de Investigación e o Museo de Historia Natural da USC.

 

Exposición
‘Minerais. Ver o Invisible. De Haüy á ermeloíta’ – 2ª edición
Desde o 26 de marzo de 2024
Museo de Historia Natural da USC
Parque Vista Alegre s/n
Santiago de Compostela
Unha mostra para descubrir o mundo da mineraloxía científica desde unha perspectiva didáctica e creativa
A 2ª edición da exposición ‘Minerais. Ver o Invisible. De Haüy á ermeloíta’ achega á sociedade unha nova perspectiva da investigación mineralóxica que se desenvolveu e se desenvolve en Galicia. Promovida pola Área de Infraestruturas de Investigación e o Museo de Historia Natural (MHN) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), abrirá as súas portas o martes 26 de marzo nas salas propio museo.
En ‘Minerais. Ver o Invisible. De Haüy á ermeloíta’ o pasado aparece en forma de homenaxe ao investigador do século XVII René Just Haüy, considerado un dos fundadores da cristalografía e mineraloxía modernas e a quen se dedicou o Ano Internacional Mineralóxico 2022. O presente móstrase nunha escolma de resultados realizados con modernas técnicas de análise mineralóxica e coa presentación do novo mineral galego, a ermeloíta, que quedará depositada de forma permanente no MHN. Este é o terceiro mineral descuberto en Galicia, tras a morenosita e a cervantita, descritos a mediados do século XIX.
O novo mineral foi descuberto no monte Ermelo en 2022 polos investigadores da USC Carlos Rodríguez Vázquez, Moisés Núñez García e Manuel Cerviño Fervenza e foi estudado cientificamente por persoal técnico da Área de Infraestruturas de Investigación da Vicerreitoría de Política Científica da USC. Tras o seu achado, arrancou un proxecto divulgativo conxunto entre a Área de Infraestruturas de Investigación e o Museo de Historia Natural da USC, que abrangue o período 2022-2026, diferentes actividades divulgativas de mineraloxía científica (obradoiros, saídas ao campo e conversas) orientadas a diversos públicos con grande éxito de asistencia. Este esforzo de difusión pódese apreciar nesta 2ª edición da exposición que reemplaza á 1ª edición que tivo lugar no Salón do Artesoado do Pazo de Fonseca o pasado verán de 2023.
A exposición poderá ser visitada de balde con horario de 10 a 14 e de 16.30 a 20 horas, de martes a sábado, domingos e festivos de 11 a 14 horas.

 

 

Links:

 

Fluorescencia mineral

 

Prensa, Xornal USC, 26/03/24

O Museo de Historia Natural incorpora unha mostra sobre a evolución da investigación mineralóxica

https://www.usc.gal/gl/xornal/novas/museo-historia-natural-incorpora-mostra-evolucion-investigacion-mineraloxica

 

Prensa, La Voz de Galicia, Santiago, 26/03/2024

El Museo de Historia Natural de la USC aborda la investigación de los minerales en una nueva exposición

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/2024/03/27/museo-historia-natural-aborda-investigacion-minerales/0003_202403S27C6993.htm

 

 

 

Próximamente máis información

 

 

¿Qué son os minerais senón átomos amigos que se abrazan na natureza en respetuosa orde?