Coleccionismo científico

Coleccionismo científico

En 1784 o xurista e ilustre reitor da Universidade de Santiago, Antonio Páramo Somoza, dona a súa colección mineralóxica ao Gabinete de Historia Natural da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. Este é o nacemento en Galicia dun coleccionismo científico, amador e académico, que chega aos nosos días.


Subvitrina 1

  • Pizarra formación Agüeira. A teito das pizarras de Luarca e a muro das capas de Saceda–Caliza de Peñalba. Ordovícico Superior. É unha formación que se explota na actualidade como pizarra para teitar. Este nivel concreto non é explotable debido ás intensas intercalacións areosas. O testigo está extraído da charnela da prega.
  • Granito de dúas micas de grao medio. Localizado no Monte Sistalto, Ponteareas (IGME, 1981, mapa xeolóxico de España, E 1:50.000, folla 186). Explótase como rocha ornamental.
  • Anfibolita de Touro. As venillas de cuarzo marcan as segregacións de sulfuros de cobre-ferro.
Testemuñas mineiras de rocha da escola de Enxeñaría de Minas de UVigo
  • Milonita utilizada como pedra natural en construción, Canhimei é unha oficalcita de Angola comercializada pola empresa Southern Quarries S.L. Trátase dunha rocha metamórfica ultramáfica, resultado do metamorfismo de rochas de procedencia mantélica ou cumulática onde destacan procesos de hidratación (serpentinización) e enriquecimiento en CO2 (carbonatación) dando lugar a estos materiais oficarbonáticos (rochas metasomáticas).
Testemuña mineral da Fundación do Centro Tecnolóxico do Granito
  • Martelos de excavación da Colección Joaquín Pardo
Colección Instrumental, MHN

Subvitrina 2

  • Balanza de dous pratos. Caixa de madeira con mármore, século XX.
Colección Instrumental, MHN

Subvitrina 3

  • Dufrénoy, Armand. Traité de minéralogie. 2ª edición. 5 vol. París: Victor Dalmont, 1856-1859.
Universidade de Santiago de Compostela. Biblioteca Xeral, Sinatura: R 29999. (Tomo 1, páxina 534. Principes Dichotomiques pour la reconnaissance des substances minérales) (marcha analítica clásica de identificación de minerais).

Subvitrina 4

  • Fotografías e anotacións de campo de Joaquín Pardo.
  • Colección científica de minerais do século XX.
Colección Joaquín Pardo, MHN e doazón particular temporal (Eduardo Gómez Bargo).

Subvitrina 5

  • Candís e libro de anotacións de Joaquín Pardo.
Colección Joaquín Pardo, MHN

Subvitrina 6

  • Sistema respiratorio portátil de emerxencia
  • Máscara para gas monóxido de carbono
  • Libro de anotacións e obxectos persoais
  • Mostras de extracción mineral
Coleccións de: Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía de Uvigo, Javier Santos López, Clara Regueira Villar e MHN. Colección Joaquín Pardo, MHN.

Subvitrina 7

  • Microscopio óptico Leitz de tubo ancho con condensador Abbe. E. Leitz, Wetzlar nº 164334.
  • Microscopio óptico Reichert de tubo ancho con condensador Abbe. C. Reichert, Budapest nº 36297.
Colección Instrumental, MHN

Subvitrina 8

  • Goniómetro de círculo vertical tipo Wollaston. Finais do XIX. Deyrolle, París. Utilízase para medir os ángulos dos cristais minerais.
Colección Instrumental, MHN

Breve Historia do Coleccionismo Mineral en Galicia

No xacemento de Ga-Mohana no deserto de Kalahari, datado fai 105.000 anos, apareceron 22 cristais de calcita branca recollidos por seres humanos no que parece a colección de minerais máis antiga da que se ten noticia. Non son infrecuentes as achegas posteriores de pezas de minerais que chaman a atención pola súa forma e cor, en xacementos arqueolóxicos. Mitríades, Rei de Ponto, tiña unha magnífica colección de minerais e xoias e xa na antiga Roma, Plinio o Vello describe minerais e fósiles. Avanzando o tempo, na Baixa Idade Media e no Renacemento, algúns nobres comezaron a realizar coleccións de minerais, sendo destacable a colección dos Médici que é a orixe do fantástico Museo de Minerais de Florencia. Non obstante, cando se produce unha explosión dos gabinetes de ciencias naturais, e con iso de minerales, é na Ilustración, onde comezan a incorporarse criterios científicos na súa clasificación e ordenamento.

Os ilustrados galegos non eran menos cos do resto do mundo e en 1784, ano do seu falecemento, D. Antonio Páramo Somoza, relixioso, xurista e ilustre reitor da Universidade de Santiago doa a súa colección ao Gabinete de Historia Natural da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. É destacable esta acción se se ten en conta que a colección da Universidad de Madrid iníciase en 1771 e o Museo de Historia Natural de París é de 1794. En 1790 a Sociedad Económica de Amigos do País de Santiago desaparece e esta colección pasa a formar parte do Gabinete de Historia Natural da Universidade de Santiago, que continua ata hoxe co nome de Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago (en adiante MHN).

Non se poden deixar pasar estos apuntes sen citar a D. Casiano del Prado, ilustre xeólogo, naturalista e montañeiro nacido en Santiago, é un dos impulsores da xeoloxía e a minería en España. Don Casiano pasa na súa xuventude unha temporada no cárcere da Inquisición de Santiago, polas súas ideas e as súas lecturas. En 1835 escribe o seu libro “Vindicación de la Geología” que se ocupa de explicar que os xeólogos non poñen en dúbida o diluvio universal. Non nos consta que deixara ningunha colección de minerais, pero non se lle pode excluír dun relato que teña que ver coa mineraloxía galega.

Outras persoas destacables son os irmáns Thalacker, enxeñeiros alemáns que se instalan no Madrid de Carlos IV e dedican a súa actividade a recoller minerais. En 1786 venden unha colección ao Real Gabinete de Historia Natural de Madrid, que acaba contratándoos para recoller exemplares e revisar minas. En 1803 percorren minas en Galicia, concretamente na provincia de Lugo. D. Jacobo María de Parga y Puga, natural de Betanzos e, por aquela época secretario do Bispo de Mondoñedo entra en contacto cos irmáns Thalacker. D. Jacobo tiña fama de ter unha das mellores coleccións privadas de minerais de España. Este ilustrado, xurista de profesión foi nomeado posteriormente vogal do Real Gabinete de Historia Natural e chegou a ser Ministro da Gobernación con Fernando VII.

En 1833 destinan a Galicia a D. Guillermo Sultz. A partir de aquí iníciase realmente en Galicia a mineralogía científica con todo o seu rigor. Este alemán nacido en Dönberg en 1805 é o autor da Descripción Geognóstica del Reino de Galicia e do mapa petrográfico que a acompaña. Esta obra é un fito na mineraloxía e xeoloxía galega. Tamén escribe uns divertidos cadernos de campo que se consideran unha auténtica guía do turismo rural galego daqueles tempos. A súa colección de rochas de Galicia consérvase no Instituto Xeomineiro de España.

En 1812 nace Antonio Casares Rodríguez, químico e farmacéutico de Monforte de Lemos e reitor da Universidade de Santiago de Compostela. É o descubridor da morenosita e da zaratita en Cabo Ortegal (A Coruña). O interese dos químicos pola mineraloxía e a súa afección aos minerais é unha constante dende a ilustración ata hoxe en día. Abonda con dicir que a colección de minerales de Dimitri Mendeléyev está exposta no museo da Universidade de San Petersburgo.

Paralelamente, a colección da Universidade de Santiago segue crecendo. En 1846 o matemático lalinese José Rodríguez González que realiza estudos en París, asiste as clases de cristalografía do Abate Haüy do que se fai amigo e recibe del como regalo unha colección de modelos cristalográficos realizados en madeira e etiquetada polo mesmo Haüy. Esta colección é doada polos herdeiros do matemático Rodríguez ao Museo de Ciencias Naturales da Universidade e fica hoxe depositada no MHN Natural desta institución constituíndo un dos seus principais valores museísticos.

Xa no século XX, en 1918, D. Luis Iglesias Iglesias faise cargo do MHN desenvolvendo unha enorme labor de conservación. Aínda que a súa especialidade é a entomoloxía tamén escribe publicacións de xeoloxía, entre elas a descrición da colección de minerais do propio museo. A D. Luis Iglesias debémoslle que as coleccións da Universidade chegasen á actualidade sen pérdidas notables que sí aconteceron noutros lugares.

Nos institutos de ensinanza media galegos tamén se manteñen coleccións de minerais que o profesorado de ciencias naturais conservan e engrandecen. Aínda que, o estudo destas coleccións está por facer, como mostra cítase a D. Ramón Sobrino Buhigas, profesor do Instituto de Pontevedra que en 1920 envía unha colección de berilos da área de Pontevedra ao Museo Nacional de Ciencias Naturais.

Nese tempo o médico de Vilagarcía de Arousa D. José Viqueira Barrio, mantén unha excelente colección de minerais privada. Fascinado pola súa beleza, o doutor Viqueira adquire exemplares ás mellores casas de comercio de minerais de Europa e tamén incorpora espécimes que lle traen os mariños dos barcos que recalan no porto de Villagarcía. En 1930 o doutor Viqueira invita á súa casa a D. Luis Iglesias que acude acompañado dun profesor de prácticas, Isidro Parga Pondal, para propoñerlle a incorporación da súa colección ao Museo de Historia Natural de Santiago.

Don Isidro Pargal Pondal, químico nacido en Laxe, é parte fundamental na xeoloxía e mineraloxía galega. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos dende 1924 e profesor de química en Santiago dende 1923. A súa biografía fúndese coa historia da xeoloxía en Galicia. Este autor estudou xeoquímica en Zúrich e reincorporouse á Universidade de Santiago en 1933, mais foi represaliado na dictadura sendo expulsado da universidade e pasou a desenvolver a súa actividade na empresa privada. Dende alí crea o Laboratorio Xeológico de Laxe e colabora con universidades europeas e o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España. A partir dos anos 60 recupera o recoñecemento das administracións e do mundo académico. A súa colección de rochas e parte dos seus exemplares recollidos están despositados no MHN.

Tamén é salientable D. Manuel Sas de la Encina, médico de Vigo e un dos fundadores do Hospital de Povisa, foi tamén un gran aficionado aos minerais. A súa notoria colección, que se expuso moitos anos no seu hospital, foi doada polos seus herdeiros á Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, en cuxo vestíbulo se pode desfrutar. Esta colección esta ampliada por exemplares da propia escola e da extinta Sociedade Mineralóxica Galega. Destácase da escola que tamén realiza labores de divulgación mineralóxica. Unha escolma desta colección se presenta nesta exposición de Fonseca.

Parecido percorrido ten a colección de Xose Nespereira Iglesias, xeólogo ourensán cuxa vida quedou truncada en 1982 aos 37 anos. Autor de diversos artigos sobre mineraloxía de Galicia, a súa colección persoal de minerais foi doada pola súa parella á Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo (Campus de Ourense) onde na actualidade atópase magníficamente exposta.

Outro caso importante de coleccionismo privado que salta ao público é o do coleccionista, afeccionado e investigador Bernardino Bugallo. Persoa con vastos coñecementos de campo, consegue implicar ao concello de O Porriño na creación, a partir da súa colección privada, do Museo de Minerais de O Porriño, hoxe xestionado pola Fundación Centro Tecnolóxico do Granito localizado en Torneiros (O Porriño). Na exposición Minerais. Ver o Invisible, que se celebra no Pazo de Fonseca en 2023 están expostos algúns exemplares destas coleccións que foron cedidos temporalmente para esta mostra pola Escola. D Bernardino tamén é o doante, xunto co xeólogo Francisco Canosa da colección de minerais que se expón no Museo da Sociedade Galega de Historia Natural sito en Ferrol.

Outra gran colección privada de gran importancia é a de Joaquín Pardo. Joaquín recolleu persoalmente, intercambiou e adquiriu espécimes por toda España. É de destacar a rigurosidade e orden na fichaxe dos exemplares e os seus arquivos. Antes do seu falecemento doou a súa colección ao MHN, onde se exhiben parte dos seus fondos.

Na actualidade o coleccionismo de minerais ten momentos de expansión sen dúbida debido ao soporte das redes sociais. Existen en Galicia varios coleccionistas con notorio nivel, cabe destacar a José Carlos Rodríguez Vázquez, codescubridor dun mineral novo, a ermeloita. E é tamén destacable o actual traballo do Grupo Mineralóxico e Xeolóxico Galego que agrupa a investigadores e afeccionados ao coleccionismo científico de minerais e desenvolve un activo traballo centrado na realización de divulgación e investigación no eido da mineraloxía.

Como se puido ver, no mundo das coleccións de minerais, a interacción do público e o privado é continua. E así debe ser, para conservar un patrimonio de todos.

  • Autor: Javier Santos López (GMXG).

Tomo 1, páxina 534. Principes Dichotomiques pour la reconnaissance des substances minérales (marcha analítica clásica de identificación de minerais). Escaneado pola Biblioteca Xeral da USC.


Mulleres que bateaban wolfran e estaño no río Deza, anos 50, Mina de Fontao. Foto mulleres: Archivo de Daniel González Alén. Foto de Fontao: Antonio Presas (escritor e xeógrafo de Lalín). A minaría contribúe claramente ao desenvolvemento da investigación mineralóxica.

A beleza dunha colección científica está en ser patrimonio, historia, coñecemento acumulado, estudo sistemático, conservación de pezas e elemento de divulgación.