Procesos de produción

Procesos de produción

(celas feminina, planta 1)

 Neste bloque preséntanse aos catro centros produtores, realizando unha descrición sintética das súas características, desde o tipo de barreiras de onde recollían os barros, a como eran os obradoiros e os seus tornos ata a súa esfera de comercialización das pezas

Homemaxe

Aos últimos alfareiros que fan do seu traballo actual e pasado memoria viva do noso

Profesionalidade, sensibilidade e saber facer

Agapito xa non está con nos, Obdulia, segue forte coma sempre, Elías e Tomás, traballando, e Pepa, que se retira, pero estamos confiados en que transmitirá o seu saber

E a aqueles outros tantos, que tanto fixeron

 

 

Mondoñedo

Con antigüidade constatada polo momento dende o século XVIII a cidade de Mondoñedo producía recipientes de barro vidrado e sen vidrar. O último cacharreiro que deixou de traballar foi Alejando Fernández Soto, coñecido polo Patrulla.

Os lugares de cacharreiros que existiron en Mondoñedo estaban nos Muíños, no Couto e na Feira cos seus fornos circulares e exteriores que serían modificados a partir de 1940. A mediados do século XX existían uns 20 obradoiros, coas súas cabanas, o lugar onde se realizaba o traballo. A produción era familiar, levantando pezas ao mesmo tempo varios membros da familia.

Os fornos eran circulares, tiñan unha cúpula apuntada na parte superior para a saída de fumes e no interior contaban cunha grella feita a base de ladrillos colocados en arco.

A venta era unha actividade feminina a través das feiras que se realizaban na cidade, chegando a súa distribución a toda a Mariña, As Pontes, Castro de Rei ou Vilalba.

Bonxe

O centro produtor máis próximo á capital provincial é o último representante dunha serie de pobos de cacharreiros na contorna de Outeiro de Rei. Descoñécese a data de inicio da produción, pero no século XVIII xa se están a realizar cacharros neste espazo.

A produción era familiar, pero chegaron a existir cacharreiros contratados a xornal. Orixinalmente os obradoiros estaban nas propias casas, coa roda e a pedra do barro na propia estancia da lareira para poder traballar de inverno sen pasar moito frío. Os barros, analizados arqueométricamente pola USC, eran todos de procedencia local.  forno normalmente atopábase fora da vivenda xunto os alboios onde se gardaba leña e cacharros.

O torno é de eixo alto. A cerámica de Bonxe é vidrada, empregándose sulfuro de chumbo coñecido como o baño de Alcoi. Os fornos hoxe en día están dentro dun pendello, convertido en obradoiro oleiro. As cocións duraban entre 7 e 9 horas, comezando paseniñamente.

Cunha estratéxica situación no camiño real cara A Coruña, as súas áreas de distribución eran amplas, destacando as feiras de venta na cidade de Lugo, das que aínda quedan testemuñas gráficas. Vilas e cidades como Betanzos, Monforte, Chantada e Lalín recibían os materiais desta olaría, ben a través da venta dos propios cacharreiros, nas proximidades de Bonxe, ou a través de arrieiros.

Samos

Nas montañas orientais, na contorna do seu mosteiro, varios núcleos rurais do concello eran coñecidos como “os pobos da louza”. Estas producións que deixarían de realizarse a mediados do século XX poderían retrotraerse á Idade Media, sendo Samos o centro produtor do que máis probas contamos para coñecer a súa antigüidade. O oficio era realizado tanto por homes como por mulleres.

Son varias as pezas de Samos que contan coas súas datas de fabricación incisas nas pezas, nunha coidada caligrafía. Existindo así excepcionais exemplares como a ámboa dos anxos con decoración de vieiras e anxelotes. Tal vez a primitiva cerámica de Samos tivese como impulsor o seu mosteiro?

A casa era o centro da produción oleira. Os barros empregados, eran de procedencia local, tal e como se comprobou polas análises arqueométricas efectuadas pola USC. Os fornaos, incorporados nas casas, son estreitos e esveltos, integrados nas construcións adxectivas da vivenda.

A maneira de distribuír as pezas era mediante as feiras que se realizaban en zonas próximas como Láncara, Triacastela, Sarria ou O Incio, pero os traballos arqueolóxicos levados a cabo no castro de San Lourenzo, na Pobra do Brollón, identificaron materiais con pastas similares ás de Samos, o cal podería evidenciar que en época medieval a súa produción chegaba ata a Terra de Lemos.

 

Gundivós

Preto do cauce do Sil, no corazón da Ribeira Sacra, atópase esta parroquia do concello de Sober. Olería aínda viva que marcaría o territorio coñecido como a “terra dos cacharreiros”. As características da produción, coa súa típica coloración escura, as xerras, olas e ámboas fan que sexa considerada como outra das olerías vivas máis antigas do país.

A actividade oleira era realizada nun pendello, onde se trataba o barro mesturando diferentes calidades e de diferentes barreiras. Para iso o barro mallábase e pisábase xerándose o barro ideal para modelar, coñecido como piadela. En Gundivós non se traballou o vidrado, existindo como alternativa o emprego de pez.

A roda de Gundivós é baixa, de madeira de carballo para que tivese peso e favorecese a rotación. O lugar de modelado era tanto o interior da vivenda como no patín característico desta zona de Lugo. Na confección de grandes cacharros a oleira debía contar cun axudante para exercer rotación á roda.

Os fornos son de pedra, moitas veces comunais ou compartidos entre varios propietarios. Cócese por fases, primeiro atemperando o forno a lume lento, unha vez que as pezas están ao roxo, cóbrese todo o forno con terróns.

A zona de distribución cruzaba o Miño e o Sil, máis aló de Chantada, e Castrocaldelas, adentrándose ata Valdeorras e Sarria. Repartíndose os cacharreiros as feiras, para non competir entre eles. O inverno e o verán eran os momentos de maior produción ao coincidir coas matanzas e as vendimas respectivamente.

 

Fotografías: Hixinio Flores Rivas

O facer dos centros oleiros, cacharreiros, barraxeiros, rodas, canaveiras, pitelas e gavillos. Toponimias coma Lamas, Barreiros… Camiños das feiras, cantares. A memoria viva do barro

 

“Cuando menos, a nosotros espectadores, al adquirir un conocimiento de las circunstancias que rodean las obras de los alfareros-campesinos, no nos quedará oculta la nobleza y la intencionalidad con que son modelados estos sencillos cacharros”. En: García Alén, Luciano. 1981. Funcionalidad y sentido estético en las vasijas de los alfareros campesinos de Galicia. En: Sección de ciencia básica de la Sociedad Española de Cerámica y Vidrio (organizadores) 1984. Jornadas científicas sobre cerámica y vidrio, Galicia, 1-3 Junio 1981. Ed.: Servizo de Publicacións Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela, pp: 57-73.

 

 

Cartel QR descargable da Exposición de Cerámica

Espazo WEB cedido (co-financiación) pola Área de Infraestruturas de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela