Presenza en eventos científicos

Presenza en eventos científicos

O Proxecto de Divulgación Mineralóxica “MINERAIS. VER O INVISIBLE” organiza outras actividades e participa en eventos científicos e de promoción da mineraloxía coma os seguintes:

Visita á Mina Impensada

O pasado venres 24 de maio o Grupo Mineralóxico e Xeolóxico Galego, ao abeiro do Proxecto de Divulgación da Investigación Mineralóxica, realizou unha visita á Mina Impensada, explotada pola empresa Magnesitas de Rubián, sita en Rubián de Cima, O Incio (Lugo).

Facemos un breve resumo do xacemento, extraído e traducido do artigo de Kilias et al (2006) “Origin of the Rubian carbonate-hosted magnesite deposit, Galicia, NW Spain : mineralogical, REE, fluid inclusion and isotope evidence”.

O xacemento de magnesita de Rubián (Zona Asturoccidental—Leonesa, Cinto Varisco Ibérico) está aloxado na formación Calcarias de Cándana (Cámbrico Inferior), unha secuencia metasedimentaria carbonatada-siliciclástica, pregada e metamorfizada, duns 100 metros de potencia. Abrangue un nivel mineralizado superior (20 m de espesor) e outro inferior (17 m), con forma lenticular e separados por 55 m de lousas e xistos micáceos. O corpo principal, o inferior, comprende un paquete estratificado de magnesita con intercalacións ricas en dolomita, limitado a teito e muro por lousas e xistos micáceos. No corpo mineral superior os niveis de magnesita son máis delgados (de escala centimétrica principalmente) e dispóñense entre capas de lousa. Varios diques máficos de dolerita intrúen na mineralización. Cara ao leste esta pasa sucesivamente a unha secuencia de leitos de dolomía (Buxán) e mármores calcarios laminados a bandeados (Mao). Estes amosan graos significativos de deformación de idade varisca, ben por cisallamento extensional ou por pregamento, mentres que en Rubián, nin a dolomita nin a magnesita presentan evidencias de tectonización. Isto suxire que a dolomitización e a formación de magnesita son posteriores á fase principal de deformación varisca. Amais, a morfoloxía dos cristais de magnesita e as inclusións fluídas primarias indican que a magnesita é un mineral hidrotermal neoformado. A magnesita contén inclusións de dolomita (<50 μm) distribuídas irregularmente, que se interpretan como vestixios dun precursor de dolomía substituído metasomaticamente.

A visita arrincou cunha explicación da xeoloxía do xacemento que, aínda que rigorosa, foi moi didáctica e accesible. De seguido baixamos á mina, que ten uns 22 km de galerías e cámaras. O transporte realizouse nun microbús chegando até a fronte de explotación situada a uns 3 km da bocamina. Sobre o terreo, Víctor Pais explicounos as características da explotación, tanto no aspecto técnico como no xeolóxico. Os asistentes quedamos impresionados pola magnitude dos traballos e o nivel de detalle e previsión do seu desenvolvemento. Logo da visita á mina, pasamos á planta de tratamento, onde nos explicaron os procesos industriais precisos para acadar o produto final, óxido de magnesio, que se emprega para fertilizantes e como complemento alimentario para gando. Resultounos interesante o uso de criterios de economía circular e reciclaxe. Despois do xantar permitíronnos o acceso ás moreas de mineral onde puidemos recoller algunhas mostras de magnesita, dolomita e algún sulfuro. Para rematar a tarde desprazámonos ás Minas de Freixo, en Monforte, onde nun pequeno paseo vimos parte das instalacións abandonadas e a presenza de abondoso mineral de magnetita espallado pola zona. Botamos en falta o acondicionamento e valorización como patrimonio mineiro de, polo menos, algunhas das súas edificacións.

Texto: Javier Santos López

Agradecementos á empresa e en especial ao seu xeólogo D. Víctor Pais a súa deferencia, o tempo dedicado e a amabilidade do trato recibido e ao GMXG a organización do evento.

Teoría de divulgación Científica. Conversas ca Universidade Federal de Viçosa (Brasil)

O pasado luns 10 de Abril de 2023 recibimos no CACTUS a visita de Cristiane Cataldi dos Santos Paes, Profesora Titular da Universidade Federal de Viçosa (cristiane.cataldi@ufv.br) ca que puidemos conversar acerca do discurso con énfase presente nas estratexias divulgativas científicas mediáticas con aplicación ao Proxecto de Divulgación Científica Minerais. Ver o Invisible. Acompañouna o profesor José Luiz Rangel Paes, profesor titular da mesma universidade no departamento de Enxeñaría Civil e especialista en estruturas de aceiro e formigón (jlrangel@ufv.br) co que conversamos, xunto con O. Lantes e M. Cereijo de mineraloxía e do proxecto de investigación e divulgación. O encontró servirá para establecer lazos de colaboración entre ambas universidades no eido da divulgación científica e da mineraloxía. A Universidade Federal de Viçosa é unha universidade pública ubicada en Viçosa (Minas Gerais, Brasil) e está considerada como unha das mellores do país brasileño en ciencias, humanidades e investigación agrícola.

Feira de Minerais de Santiago (02/03/23-05/03/23). Realizouse una exposición para a difusión do Proxecto “MINERAIS. VER O INVISIBLE” e paralelamente o GMXG participou con varias conferencias e obradoiros. Máis información sobre a Feira de Minerais clique AQUÍ.

Obradoiros Mineralóxicos no CACTUS. Con motivo da visita de 80 alumnos de 2º Bacharelato do IES Sánchez Cantón de Pontevedra o 02/12/2022 organizado en colaboración co Programa de Visitas de Divulgación Científica da Área de Infraestruturas de Investigación da USC e impartido por Bruno Dacuña Mariño. O obradoiro consistíu nunha explicación dos feitos históricos que chegaron á conclusión de que a difracción é un fenómeno de interferencia constructiva e destructiva de rX que se dispersan polos átomos nun sistema estruturado. Primeiro se contextualizou a controversia entre Newton e Huygens de finais do SXVII que describían a luz como corpúsculos ou ondas luminosas. Foi a principios do SXIX cando Young decantou a opción da natureza ondulatoria por interpretar o experimento da dobre rendixa como un fenómeno de interferencia de ondas. Foi co descubrimento dos rX por Röntgen e a súa incidencia déstes sobre mostras cristalinas, por Laue e os Bragg, cando comezou a era da determinación estrutural de sistemas ordeados con Rx, pondo como exemplo o caso da foto máis importante da historia da ciencia: a foto 51 tomada por  Rosalind Frankllin en 1952.

Xeolodía

G-NIGHT. Noite Galega das Persoas Investigadoras. Con Ciencias Creativas. 30 de Setembro de 2022. Claustro de Fonseca. Estaremos presentes impartindo un obradoiro de mineraloxía e amosando as actividades do Proxecto. Visita a páxina do obradoiro!.

Encontro no MHN de xeólogos da Delegación en Galicia do Colexio de Xeólogos. Participamos o pasado 24 de setembro de 2022 presentando o MHN e as actividades do proxecto “MINERAIS. VER O INVISIBLE”.

Visitas científicas

O venres 4 de novembro de 2022 visitou as instalacións da Área de Infraestruturas de Investigación da USC no Edificio CACTUS (Santiago de Compostela) Manuel Canseco Caballé. Experto mineraloxista autor, entre outras obras, do libro “Minerales de la Comunidad Valenciana” (Minerales de la Comunidad Valenciana. 2002. Autor: Juan Miguel Casanova Honrubia y Manuel Canseco Caballé Fotografía: José Manuel Sanchis Edición: 1ª. Edita: Alicante. Caja de Ahorros del Mediterraneo. 237 p. ISBN: 84-699-9092-6). Manuel Canseco Caballé foi catedrático de Matemáticas do IES Francisco Ribalta de Castelló e é membro, entre outras asociacións, da Societat Valenciana de Mineralogía. Acompañárono os estudosos en minerais Ximo Company Boronat e Carlos Rodríguez Vázquez ademáis do investigador e coleccionista de meteoritos Xavier Canseco. Oscar Lantes recepcionou a visita científica. Agradecemos ao experto Manuel Canseco Caballé a súa disposición e amabilidade e esperamos que o contacto de froito a próximos contactos e colaboracións científicas e divulgativas.

Outras actividades

Musealizacións no MHN de minerais especiais de Galicia.

Vitrina mineralóxica no Edificio CACTUS da USC. Ven a visitala!. Un adianto da próxima exposición no Pazo de Fonseca para o ano 2022 e 2023. Ca participación do MHN, o Dpto. Edafoloxía da Fac. Farmacia e a Fac. de Química.

Libros de mineraloxía da Biblioteca do MHN incluídos na vitrina:

-TG-33(A)   Dana, Edward: Tratado de mineralogía : con un tratado extenso sobre cristalografía y mineralogía física. México : Compañía Editorial Continental, 1969. R-2574700. / TG-33  Dana, Edward: Tratado de mineralogía : con un tratado extenso sobre cristalografía y mineralogía física. México : Compañía Editorial Continental, 1969. 4ª edición. R-2496293.

– TG-28 Miers, Henry A.: Manuel pratique de minéralogie : introduction a l’étude scientifique des minéraux Paris ; Liège : Libraire Polytechnique Ch. Béranger, 1906. R. 2496286.

-TG-370/1 Martínez Strong, Pérez Mateos e García Bayón-Campomanes: Mineralogía descriptiva. Madrid : CSIC, Instituto “José de Acosta”, 1973. Tomo I. R.2580930.

-TG-3 Dana-Hurlbut: Manual de mineralogía, 2ª Edición. Barcelona : Reverté, 1960. R. 373. / TG-29  Edward Kraus, Hunt, Ramsdell: Mineralogía, 5ª Edición. Madrid, 1967. Editorial del Castillo. R. 246287.

Presenza nas webs dos organismos colaboradores. Dentro das webs dos organismos colaboradores incluiranse información relativa ao Proxecto de Divulgación Mineralóxica “MINERAIS. VER O INVISIBLE” co obxecto de xerar sinerxias cruzadas no campo da mineraloxía.

Paneis Informativos do proxecto:

Instalados en diferentes centros e institucións colaboradoras.

Biblioteca Concepción Arenal (USC). Santiago de Compostela:

Edificio CACTUS (USC). Santiago de Compostela:

Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (UVIGO). Vigo:

Facultade de Química (USC). Santiago de Compostela:

Facultade de Farmacia (USC). Santiago de Compostela:

Facultade de Bioloxía (USC). Santiago de Compostela:

Biblioteca Xeral da USC. Pazo de Fonseca. Santiago de Compostela: