Etiqueta: Divulgación

artigos de divulgación

Exposición en Fonseca: MINERAIS. VER O INVISIBLE

Exposición en Fonseca: MINERAIS. VER O INVISIBLE

O Proxecto de “Divulgación Mineralóxica” coordinado pola Área de Infraestruturas de Investigación e o Museo de Historia Natural da USC realiza unha exposición mineralóxica na Sala do Artesonado do Pazo de Fonseca para os meses de Xuño, Xullo e Agosto do 2023. A exposición titulada “MINERAIS. VER O INVISIBLE” presenta o novo mineral ermeloíta, homenaxea ao mineraloxista René Just Haüy e mostra unha escolma da investigación mineralóxica que se desenvolve na Universidade de Santiago de Compostela. O contexto expositivo terá a impronta da creadora Monica Mura e música de Fernando Buide del Real.

Hai que destacar que o Museo de Historia Natural da USC dispón nos seus fondos a colección de modelos de modelos cristalográficos mineralóxicas máis completo do mundo realizados por René Just Haüy, considerado fundador da Mineraloxía e a Cristalografía modernas e figura á que a International Mineralogical Association adica o Ano Mineralóxico Internacional 2022. Estos feitos xustifican a homenaxe que se brinda a Haüy e supoñen un recoñecemento a un dos depósitos máis singulares do MHN.

A exposición terá continuidade a partir de Setembro do ano 2023 nas instalacións do MHN e terá unha permanencia documental a través da creación dun catálogo propio con contidos ampliados que está disponible a través deste blog.

Mirando por dentro e por fóra exemplares do Museo de Historia Natural

Mirando por dentro e por fóra exemplares do Museo de Historia Natural

Coa TOMOGRAFÍA DE RAIOS X, coas MICROSCOPÍAS ELECTRÓNICA DE BARRIDO e a ESTEREOGRÁFICA amosamos diferentes exemplos de “visualización” de diferentes pezas do Museo: Fósiles, Taxidermia, Malacoloxía, Meteoritos, Microparásitos, Microgasterópodos e minerais galegos raros. Estas técnicas, a dispor na RIAIDT, coas que se poden xerar rexistros virtuais dos exemplares, aportan valiosa información sobre a súa natureza e estado de conservación e incluso axudan na identificación de novas especies biolóxicas e minerais.

Coa TOMOGRAFÍA DE RAIOS X vemos o interior dos obxectos sen alteralos. Os raios X son absorbidos ou reflexados en relación á densidade e composición do obxecto no que inciden. Durante a exposición recóllense imaxes que, a través dun procesado matemático, permiten obter unha reconstrución tridimensional da estrutura interna. A MICROSCOPÍA ELECTRÓNICA DE BARRIDO aumenta a resolución das imaxes empregando un feixe de electróns acelerados por un campo magnético. Os electróns interaccionan coa mostra producindo unha emisión secundaria que é recollida nun detector e transformada nunha imaxe aumentada na orde dun millón de veces. Na MICROSCOPÍA ESTEREOGRÁFICA a luz visible reflexada por un obxecto é dirixida cun sistema de lentes aumentando considerablemente a súa imaxe, podendo observar detalles non perceptibles a simple vista.

Premer aquí para visualizar o póster relacionado

A morenosita: un raro mineral galego

A morenosita: un raro mineral galego

A MORENOSITA, como todo mineral, é unha substancia natural de composición química e estrutura cristalina perfectamente definida. Foi descuberta polo profesor e reitor da Universidade de Santiago de Compostela D. Antonio Casares no século XIX en Cabo Ortegal (A Coruña) sendo esta localidade distinguida coma “localidade tipo” para este mineral según a IMA (International Mineralogical Association). No Museo de Historia Natural da USC atópanse algúns dos poucos exemplares de morenosita que están referenciados en todo o mundo, debido a que este mineral é moi pouco frecuente.

As mostras de morenosita do MHN están formadas polos elementos químicos Ni, S, O e H. As análises efectuadas, aparte destes elementos principais, tamén detectaron Mg e outros elementos traza coma o Co, Fe, Mn, Si, Al, etc. que estarían formando parte de impurezas. Coa difracción de raios X podemos identificar os diferentes minerais que se atopan formando parte dunha rocha, ademais de determinar as súas estruturas cristalinas, isto é, o ordenamento interno que teñen os átomos dentro do mineral.

Premer aquí para visualizar o póster publicado

Colección científica de minerais da RIAIDT

Colección científica de minerais da RIAIDT

A Colección Científica de Minerais a RIAIDT (organizada segundo a Clasificación de Strunz) constitúe unha colección de minerais de especial relevancia polo seu valor didáctico, por incorporar minerais que nunca antes foran citados en Galiza e por estar todos os exemplares analizados por diversas técnicas analíticas (Difracción de Raios X de Monocristal e Po Cristalino, Fluorescencia de Raios X, Microscopía Electrónica de Varrido, Infravermellos, Raman, Resonancia Magnética Nuclear, Microfotografía estereoscópica, Microtomografía…) dispoñibles na RIAIDT.

A colección iniciouse no ano 2015 a partir de fondos propios das Unidades de Raios X e de Arqueometría e de diversas doazóns, en particular de Carlos Rodríguez Vázquez, Ximo Company Boronat e Eduardo Gómez Bargo. Na actualidade a colección medra en número de pezas e en analíticas, colabórase co Museo de Historia Natural contribuíndo ao desenvolvemento do coñecemento mineralóxico no Noroeste Peninsular e xéranse diversos produtos con fins de divulgación científica, didácticos, de difusión e de promoción científico-técnica das Unidades de Análise da RIAIDT.

Premede aquí para ver unha copia do póster